17 DE ABRIL DE 2025

Se se puideran resumir todas as atrocidades nazis nunha soa palabra, esta sería Auschwitz. O maior centro de exterminio do nazismo, onde morreron 1 100 000 persoas, o 90% delas xudías. O lugar onde se industrializou o asasinato en masa, onde todo estaba minuciosamente organizado para que a fábrica de matar funcionase con eficiencia.

O campo de concentración de Auschwitz levantouse en 1940 e nun principio só se deportaron alí prisioneiros políticos e de guerra como man de obra forzosa. As duras condicións de traballo, a desnutrición e os malos tratos provocaron altísimas taxas de mortalidade.

A partir de 1941, comezou a transformación gradual de Auschwitz nun centro de exterminio e construíuse a primeira cámara de gas co seu crematorio. Os médicos das SS, capitaneados por Josef Mengele, levaron a cabo experimentos inhumanos cos prisioneiros.

Grazas as boas comunicacións por ferrocarril, pronto comezaron a chegar deportados procedentes de todos os territorios ocupados, xudeus na súa maioría. Foi necesaria unha ampliación e levantáronse outros dous campos nas proximidades: Auschwitz II, tamén coñecido como Birkenau, e Auschwitz III.

Auschwitz-Birkenau xogou un papel fundamental no plan alemán de exterminar aos xudeus de Europa. Construíronse para iso catro cámaras de gas, cada unha delas con capacidade para 2500 persoas, e os correspondentes crematorios que funcionaban día e noite.

Cando chegaba un tren cargado de xudeus procedentes dos guetos, facíase unha rápida selección e os máis aptos eran enviados a traballar aos campos de Auschwitz I ou III. Os considerados non aptos (nenos, anciáns, enfermos, embarazadas, …) levábanse directamente ás cámaras de gas. Para evitar o pánico, dicíanlles que ían ducharse e incluso pedíanlles que recordasen ben onde deixaban a roupa para poder recuperala despois da ducha.

Os seleccionados para traballar tampouco tiñan unha esperanza de vida moito máis alta, pois pronto acababan sendo vítimas das penosas condicións ás que se vían sometidos.

En xaneiro de 1945, ante a inminente chegada dos soviéticos, os campos de Auschwitz foro evacuados e os prisioneiros obrigados a camiñar máis de 50 km nun inverno durísimo. A cuarta parte deles morreron polo camiño.

Antes de marchar, os nazis destruíron as cámaras de gas para ocultar as probas dos seus crimes. Cando chegaron os soviéticos, so quedaban no campo uns 6000 prisioneiros que foran abandonados por estar moribundos ou demasiado enfermos para camiñar.

Calcúlase que en cinco anos pasaron por Auschwitz 1,2 millóns de prisioneiros e só sobreviviron en torno a 100 000.

Pouco despois da guerra, os campos de Auschwitz I e Auschwitz-Birkenau convertéronse en museo e memorial dedicado ás vítimas. Hoxe reciben máis de dous millóns de visitantes ao ano, o que obriga a unha estrita organización. A visita guiada dura máis de 3 horas, nas que se recorren os barracóns, as celdas de castigo, os restos das cámaras de gas, as torres de vixilancia, os paredóns de fusilamento, etc. Hai exposicións con todos os obxectos atopados nos campos, desde miles de latas vacías do Zyklon B que se usaba nas cámaras de gas, ata as pertenzas máis persoais dos prisioneiros.

O máis conmovedor é o seu total descoñecemento do final atroz que lles esperaba. Cando os deportaban, dicíanlles que podían levar unha maleta de 25 kg cos seus bens máis prezados e aconsellábanlles escribir nela o seu nome para que non se perdese. O certo é que os despoxaban de todo nada máis chegar e os obxectos de valor enviábanse a Alemania.

O feito de ter que facer a visita en grupo, seguindo á guía e cun tempo limitado en cada lugar para deixar paso aos que veñen detrás, fíxonos sentir case como se estivésemos nun museo calquera, case indiferentes. Nun lugar como este é necesario poder parar de vez en cando para reflexionar e asimilar a información, tomarse tempo en coñecer as pequenas historias que hai detrás da Historia. Só así pode interiorizarse o sufrimento alleo.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *