14 E 15 DE ABRIL DE 2025

Antes de que os humanos comezasen a deforestar Europa, un inmenso bosque ocupaba todas as zonas baixas do continente. O bosque de Białowieża, entre Polonia e Bielorrusia, é un dos últimos e maiores vestixios superviventes de ese bosque primixenio que se estendía desde os Pirineos ata o Cáucaso.

En paralelo a desaparición dos bosques, foron minguando as poboacións de bisontes europeos que habitaban neles. Á diferencia do bisonte americano, que vive en grandes manadas nos prados herbáceos de Norteamérica, o bisonte europeo (Bison bonasus) está adaptado a vivir entre árbores en pequenos grupos.

No século XVI, o bosque de Białowieża era un dos poucos lugares de Europa onde aínda quedaban bisontes. Os monarcas polacos converteron o bosque nunha reserva de caza e tomaron medidas para protexer a estes animais. Cazar un bisonte era un privilexio real e a caza furtiva castigábase coa pena de morte.

Os zares rusos que gobernaron gran parte de Polonia desde finais do século XVIII ata 1918 mantiveron a protección dos bisontes iniciada polos reis polacos.

A principios do século XX, só quedaban bisontes europeos no bosque de Białowieża e no Cáucaso. Durante a Primeira Guerra Mundial, as tropas alemás mataron máis de 600 bisontes en Białowieża, case todos os que había. O último bisonte do bosque foi abatido en 1921. En 1927, coa morte no Cáucaso do derradeiro exemplar salvaxe de bisonte europeo, a especie quedou extinta en liberdade.

Pronto se iniciou un proxecto de recuperación da especie a partir duns poucos individuos que había en zoolóxicos. Foi un proceso lento, pois só se seleccionaron para a cría bisontes europeos de pura raza, sen mestizaxe con poboacións americanas ou con gando bovino. Despois de cinco xeracións de cría en cautividade nunha reserva creada no bosque de Białowieża, en 1952 puxéronse en liberdade os primeiros exemplares. A reintrodución tamén se levou a cabo con éxito noutros lugares de Europa a partir destes primeiros animais.

Na actualidade, viven no bosque uns 800 bisontes en liberdade e en toda Polonia arredor de 3000.

Os bisontes acostuman pasar o día deitados no interior do bosque polo que é moi difícil distinguilos entre a vexetación, pero pola noite aventúranse a saír ata os campos de cultivo limítrofes para alimentarse. O mellor momento para velos é á alba, antes de retornen ao bosque a pasar o día.

Nos quedamos cun guía naturalista ás 4 da mañá, unha hora e media antes da saída do sol, cando a escuridade aínda era total. Conducimos polas estradas secundarias que atravesan o bosque, parando de vez en cando en espazos abertos para comprobar se había algún bisonte. Vimos tres machos ao lonxe coa axuda dos binoculares térmicos que levaba o guía, pero non foi ata o amencer cando puidemos observar con calma un grupo duns 20 bisontes que pastaba nun campo no linde do bosque. Non se asustaron ao vernos, pero si estaban atentos aos nosos movementos. Finalmente, cando o sol xa empezaba a gañar altura, decidiron que era o momento de marchar.

Pasamos a tarde no bosque, xa sen a compaña do guía, camiñando e conducindo coa esperanza de atopar algún dos outros grandes mamíferos que habitan en Białowieża, como lobos, alces ou linces. Non houbo sorte, pero si vimos bastantes paxaros.

O día seguinte nos esperaban moitas horas de condución para chegar a Cracovia, e de camiño paramos a visitar algunhas igrexas de madeira dos séculos XV e XVI que son características do sur de Polonia e que nos recordaron moito as que vimos en Noruega. A pesar de que foron declaradas Patrimonio da Humanidade non teñen uns horarios de visita definidos, e atopamos todas elas pechadas.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *