13 DE ABRIL DE 2025

Polonia sufriu durante o século XX os golpes máis brutais que lle podía deparar a historia: guerra, ocupación, xenocidio, devastación absoluta e totalitarismo. Os viaxeiros poden pasear polas cidades polacas e reparar tan só na beleza dos seus cascos antigos sen advertir todo este sufrimento, xa que os restos materiais que o delatan son escasos e pouco evidentes.  Precísase de algo de documentación e interese para descubrir non só os tráxicos eventos que aconteceron nelas, senón tamén os relatos de resistencia heroica, recuperación da independencia e reconstrución.

O 23 de agosto de 1939 a Alemania nazi e a Unión Soviética asinaron un pacto secreto polo que acordaban repartirse Polonia. O 1 de setembro os nazis comezaron a invadir o país, dando inicio así á Segunda Guerra Mundial,  e poucos días despois os soviéticos fixeron o mesmo polo leste. En pouco máis dun mes, o exército polaco estaba desmantelado, o goberno exiliado e o país ocupado e dividido entre as dúas potencias.

Baixo dominio nazi quedou o oeste de Polonia, incluíndo as cidades de Varsovia e Cracovia. Durante os case seis anos que durou a ocupación, os polacos sufriron unhas condicións de vida durísimas, especialmente os de orixe xudía, confinados en guetos e finalmente deportados a campos de exterminio para a súa total aniquilación.

No leste, os soviéticos anexionáronse un amplo territorio e executaron e deportaron a miles de polacos.

Con todo, Polonia nunca se rendeu oficialmente. Pronto xurdiu un movemento de resistencia leal ao goberno no exilio que levou a cabo sabotaxes e atentados contra infraestruturas e forzas militares alemás e que subministrou información clave aos aliados sobre a situación no país. Tamén se encargou de informar a poboación polaca a través de emisoras de radio e periódicos clandestinos, organizou clases de todos os niveis educativos que se impartían en casas particulares e se ocupou de prestar asistencia médica e social.

Durante séculos, Polonia foi o país con maior poboación xudía de Europa, resultado das políticas tolerantes dos monarcas polacos que atraeron a inmigrantes procedentes doutros países onde non eran ben recibidos. A partir do século XVI, algunhas cidades polacas foron importantes centros da cultura e erudición xudía.

Antes do inicio da guerra, os xudeus representaban o 10% da poboación de Polonia, aínda que nalgunhas cidades se superaba con creces esa porcentaxe. Por exemplo, en Varsovia vivían uns 350 000, arredor dun 30% da poboación.

Dos tres millóns de xudeus polacos que vivían no país ao iniciarse a invasión nazi, só sobreviviron uns 90 000, que acabaron emigrando despois da guerra a Israel ou a EEUU. Despois de séculos de existencia, o legado xudeu foi eliminado de Polonia.

Durante a ocupación alemá, os xudeus foron obrigados a abandonar as súas casas e pertenzas e trasladarse a vivir aos guetos, rodeados de altos muros e fortemente vixiados para evitar a comunicación co exterior. A superpoboación e a falta de alimentos e medicinas provocaron unhas altísimas taxas de mortalidade.

Un dos poucos tramos que se conservan do muro do gueto

No gueto de Varsovia amoreáronse unhas 400 000 persoas nunha superficie reducida. No verán de 1942, os alemáns deportaron masivamente aos seus habitantes ao centro de exterminio de Treblinka, onde serían asasinados metodicamente.

En abril de 1943, as SS presentáronse de novo no gueto coa intención de deportar aos 60 000 xudeus que aínda quedaban alí. Pero esta vez atoparon unha resistencia organizada con algunhas armas que foran introducidas de contrabando. Os sublevados conseguiron resistir durante catro semanas e infrinxir algunhas baixas aos alemáns, pero finalmente estes se impuxeron e liquidaron o gueto.

En agosto de 1944 a resistencia clandestina, seguindo ordes do goberno polaco no exilio, alzouse tamén contra os alemáns nun intento de liberar Varsovia antes da chegada dos soviéticos, aos que consideraban unha ameaza para a súa independencia. Os nazis tardaron dous meses en sufocar o levantamento, que contaba cun amplo apoio popular. As represalias foron terribles: decenas de miles de civís foron executados ou enviados a campos de concentración e o 85% dos edificios da cidade foron demolidos a conciencia con explosivos e lanzachamas, cebándose especialmente cos que tiñan algún valor histórico ou cultural para o pobo polaco.

Monumento ao Alzamento de Varsovia
Museo do Alzamento

Cando exército soviético liberou finalmente Varsovia da ocupación nazi en xaneiro de 1945 atopouse cunha cidade devastada e abandonada. Todos o barrios que parecen antigos en Varsovia son en realidade reconstrucións baseadas en pinturas e fotografías antigas.

Tras a guerra, Polonia quedou baixo influencia soviética e se instaurou un réxime comunista, que rexeitou tratar co exiliado goberno polaco e cos membros da resistencia clandestina. Os heroes polacos da loita contra os nazis foron perseguidos, arrestados e silenciados. Stalin non podía permitir a existencia de líderes populares que avivasen o sentimento de orgullo nacional.

Comezaba unha nova etapa de totalitarismo e falta de liberdade.

Palacio da Ciencia, construido por Stalin como símbolo da “amizade” soviética
Palacio da Ciencia entre rañaceos modernos

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *