11, 12, 15 E 16 DE AGOSTO DE 2025

O Pantanal é unha das rexións con maior biodiversidade do planeta, un paraíso para os entusiastas da observación de fauna salvaxe. Isto foi suficiente para escollelo como destino das nosas vacacións, ilusionados pola posibilidade de coñecer de preto a gran variedade de especies que o habitan.

O maior humidal do mundo atópase no centro do continente suramericano, principalmente nos estados brasileiros de Mato Grosso e Mato Grosso do Sul, aínda que unha pequena parte esténdese tamén por Bolivia e Paraguay. Ocupa unha extensión aproximada de 200 000 km², sete veces a superficie de Galicia.

É unha enorme planicie atravesada por grandes ríos que se desbordan periodicamente durante a tempada de chuvias, de outubro a marzo, anegando as tres cuartas partes da superficie e aportando nutrientes á terra. O nivel das augas pode subir ata 5 metros e os mamíferos terrestres vense obrigados a concentrarse nas zonas máis altas, pequenos outeiros convertidos en illas.

Na estación seca, de abril a setembro, as augas retíranse gradualmente deixando unha infinidade de charcas e lagoas onde quedan atrapados peixes e outros animais acuáticos, que a súa vez atraen a especies que se alimentan deles. Todas estas masas de auga están ateigadas de caimáns, garzas e outras aves piscívoras.

Empezamos a viaxe voando ata Cuiabá, capital do estado de Mato Grosso, e co noso coche de aluguer dirixímonos a Poconé, última poboación antes de entrar no Pantanal Norte. Aquí acábase o asfalto e comeza a Transpantaneira, unha estrada de terra de 145 km que remata no asentamento pesqueiro de Porto Jofre.

A Transpantaneira é unha atracción en si mesma e conducindo por ela pódese desfrutar da variedade de paisaxes e fauna do Pantanal. Predomina a sabana herbácea salpicada de humedais, pero tamén hai zonas con maior densidade de arboredo e incluso bosques nas ribeiras do ríos.

Martiño peixeiro verde (Chloroceryle amazona)
Martiño peixeiro grande (Megaceryle torquata)
Caracara (Caracara plancus)

O primeiro día percorremos tan só os 17 primeiros kilómetros da Transpantaneira e vimos xa algúns do animais máis característicos do Pantanal. Cada poucos metros baixamos do coche para observar algún animal que nos chama a atención, en especial os numerosos iacarés (Caiman yacare) que toman o sol fora das charcas a ambos lados da estrada ou que repousan dentro da auga asomando soamente ollos e nariz. No Pantanal brasileiro hai 10 millóns destes iacarés, que se alimentan de peixe e conviven pacificamente coas outras especies que frecuentan as súas charcas.

Tamén vimos por primeira vez o tuiuiú (Jabiru mycteria), un ave enorme da familia das cegoñas que nos acompañaría durante toda a viaxe. Teñen unha envergadura de case 3 metros e de pé alcanzan unha altura de 150 cm.

A maior parte do territorio do Pantanal está dividido en fazendas ou ranchos privados de varios miles de hectáreas dedicados á gandería extensiva. Uns poucos complementan os seus ingresos aloxando a turistas. Nós durmimos a primeira noite no cámping da Fazenda Portal Paraíso e repetiríamos no mesmo lugar uns días máis tarde cando facíamos o camiño de volta. Algunhas fazendas da Transpantaneira son moi frecuentadas por grupos organizados e hai que reservar con meses de antelación para conseguir unha praza, pero en Portal Paraíso estivemos case sos.

A ausencia de contaminación lumínica regalounos un ceo estrelado espectacular coa Vía Láctea ben visible a ollo nu.

Quedamos abraiados pola variedade e abundancia de animais que atopamos paseando polos extensos terreos da fazenda e que fomos identificando coa axuda da nosa práctica guía ilustrada de fauna e flora do Pantanal. En cada charca atopamos iacarés, distintos tipos de garzas, cegoñas e espátulas; en campo aberto, entre moitas outras especies, vimos ñandús, ibis, falcóns, coruxas, picapaus e os chamativos quero-quero; nas árbores, facíanse notar os ruidosos guacamaios azuis e os periquitos.

Ñandús (Rhea americana)
Curicaca ou bandurria común (Theristicus caudatus)
Pica pau do campo (Colaptes campestris)
Paisaxe da fazenda cun humidal ao fondo e unha coruxa na terra
Quero-quero ou tero (Vanellus chilensis). Vense ben os espolóns que ten nas alas.
Quero-quero ou tero (Vanellus chilensis)
Periquito de cabeza negra (Aratinga nenday) e periquito rei (Eupsittula aurea)
Iacaré (Caiman iacare)
Guacamaio ou arara azul (Anodorhynchus hyacinthinus), a maior especie de guacamaio do mundo
Guacamaios ou araras azuis (Anodorhynchus hyacinthinus)
Zopilotes ou urubús (Coragyps atratus)

Deixamos a fazenda e continuamos pola Transpantaneira ata Porto Jofre, punto final da estrada onde pasaríamos dous días en busca do xaguar. Levounos varias horas chegar debido as numerosas paradas que fixemos para admirar a paisaxe e os animais que iamos atopando.

Parella de caracaras nun ipê rosa (Handroanthus impetiginosus)
Bufo americano (Bubo virginianus)

Tras a nosa estancia en Porto Jofre, percorremos de novo a Transpantaneira en sentido contrario. Paramos unhas horas na Fazenda Río Claro, onde se pode dar un paseo en barca, comer e facer uso das instalacións sen estar aloxado a cambio dunha entrada. Alí encontramos algunha especie nova de paxaro e un niño de tuiuiús con tres polos.

Cardeal do pantanal (Paroaria capitata)
Noivinha branca (Xolmis velatus) facendo o niño nun termiteiro
Niño de tuiuiú (Jabiru mycteria)

Durante o paseo en barca polo río, vimos algunha capibara e un iacaré amestrado para acercarse a comer un peixe que lle ofrecía o guía.

Capibara (Hydrochoerus hydrochaeris)

Paramos de novo en Portal Paraíso para pasar a noite, e durante a tardiña estivemos entretidos un bo rato cunha familia de monos capuchinos de Azara que buscaba alimento nas árbores.

Mono capuchino de Azara (Sapajus cay)
Mono capuchino de Azara (Sapajus cay)

O día seguinte, despois da boa experiencia que tivéramos na ocasión anterior, levantámonos coa alba para camiñar pola fazenda. A exuberancia de especies sorprendeunos unha vez máis: vimos centos de aves nas zonas pantanosas e nos campos e, nunha zona máis boscosa, algúns veados mateiros.

Paisaxe na fazenda
Coruxa buraqueira (Athene cunicularia)
Maçarico real ou bandurria moura (Theristicus caerulescens)
Curicaca ou bandurria común (Theristicus caudatus)
Guacamaios ou araras azuis (Anodorhynchus hyacinthinus)
João-de-barro (Furnarius rufus) encima do seu niño de barro construido nunha palmeira
Principe (Pyrocephalus rubinus)
Cullereiro rosa (Platalea ajaja)
Cotorra arxentina (Myiopsitta monachus)
Veado mateiro (Mazama americana)

O que máis nos sorprendeu foi atoparnos cara a cara cun tamanduá meridional, unha das dúas especies de osos formigueiros que habitan no Pantanal. Non é un animal sinxelo de ver debido aos seus hábitos nocturnos e a que pasa gran parte do seu tempo nas árbores.

Oso formigueiro amazónico ou tamanduá meridional (Tamandua tetradactyla)
Oso formigueiro amazónico ou tamanduá meridional (Tamandua tetradactyla)

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *