17, 18 E 19 DE AGOSTO DE 2025

En Brasil son frecuentes as formacións xeolóxicas coñecidas como chapadas, mesetas elevadas moi extensas que rematan abruptamente en escarpas verticais.  As augas que alimentan o Pantanal Norte proveñen da Chapada dos Guimarães e forman parte da cunca do río da Plata. Estivemos dous días facendo algunhas excursións por esta zona situada no centro xeográfico de América do Sur.

Desde os miradores da parte superior da Chapada tense unha boa perspectiva dos paredóns de arenito vermello que se elevan 300 m sobre a depresión circundante. A vexetación é a típica do cerrado, un tipo de sabana arborada onde predominan os arbustos e as árbores pequenas e retorcidas, aínda que nas franxas próximas aos cursos de auga poden darse árbores máis grandes e incluso aparecer especies propias do Amazonas. O cerrado é o segundo bioma con maior presencia no Brasil, despois da selva amazónica, e ocupa un 20% da superficie do país.

Formacións de arenito vermello
Vexetación típica do cerrado
Dúas coruxas buraqueiras (Athene cunicularia)

Na Chapada dos Guimarães abundan as fervenzas, coñecidas aquí como cachoeiras, moi populares como lugares de baño. A cachoeira Veu de Noiva ten unha caída de 86 m e nas súas paredes aniñan varias parellas de zopilotes negros e de coridos guacamaios vermellos que se deixan ver con facilidade voando dun lado a outro do canón.

Cachoeira Veu de Noiva
Zopilote negro (Coragyps atratus)
Arara ou guacamaio vermello (Ara chloropterus)

Despois dunha semana coñecendo o Pantanal Norte e a Chapada dos Guimarães, regresamos ao aeroporto de Cuiabá para coller un avión que nos levaría a Campo Grande, capital do estado de Mato Grosso do Sul e porta de entrada ao Pantanal Sur.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *