13 E 14 DE AGOSTO DE 2025
A estrada Transpantaneira remata no pequeno asentamento de Porto Jofre, no corazón mesmo do Pantanal. Aquí pódense contratar excursións en barca para explorar o río Cuiabá e os seus afluentes San Lourenço e Piquirí, moi abundantes en peixes que atraen á súa ribeira unha infinidade de aves, lontras e caimáns iacarés. Estes últimos, xunto coas capibaras que tamén frecuentan ás beiras dos ríos, proporcionan alimento suficiente para soster unha numerosa poboación de xaguares. Porto Jofre é o mellor lugar do mundo para a observación deste felino, coñecido como onça-pintada en Brasil. Nos meses de xuño a outubro, durante a tempada seca, está case garantido avistar unha onça se pasas un par de días no río cun guía que coñeza a zona.


O xaguar (Panthera onca) é o único representante no continente americano do xénero Panthera, ao que tamén pertencen o león, o tigre, o leopardo e o leopardo das neves. Ten un aspecto moi parecido ao do leopardo (Panthera parda), pero o xaguar é de maior tamaño e ten as manchas máis grandes con puntos no interior.
O primeiro xaguar que atopamos resultou ser unha celebridade local, un supervivente dos incendios que asolaron unha superficie importante do Pantanal en 2020. Foi descuberto por unha organización protectora de fauna con queimaduras graves nas catro patas e trasladado a un centro veterinario onde recibiu coidados durante 23 días. Antes de soltalo de novo no seu territorio, puxéronlle un colar GPS para controlar se era capaz de desenvolverse no medio salvaxe a pesar dos danos sufridos. Ousado, como é coñecido este xaguar, superou a proba pero coxea un pouco ao camiñar. Supostamente, o colar debía funcionar durante 400 días e desprenderse automaticamente pasado este tempo, pero continúa no pescozo de Ousado cinco anos despois.

Estivemos bastante tempo observando como camiñaba pola ribeira e nadaba no río. É habitual que os xaguares crucen os ríos a nado e incluso que cacen caimáns na auga. Teñen unha mordida tan potente que matan as súas presas rebentándolles o cranio.


Non vimos máis onças nese primeiro día en barca, pero o río tiña atractivos de sobra para manternos entretidos durante horas. Navegamos durante toda a xornada percorrendo moitas ramas do sinuoso rio, disfrutando da constante aparición de animais.






A presencia de garzas, picapeixes e cormoráns é abrumadora, pero como hai varias especies de cada familia, examinar cada exemplar para identificar a especie acaba sendo un entretido xogo. A cada rato van aparecendo especies novas aínda que algunhas só logramos distinguilas tras cotexar a nosa pequena guía coas fotos tomadas.


Logramos identificar 8 das 14 especies de garzas que aparecían na nosa lista, provocando sorpresa e admiración ao aparecer ante nós algunhas das especies mais bonitas e extranas que temos visto desta familia.







O seguinte día saímos de novo a navegar e, desta vez, atopamos cinco xaguares. Os catro primeiros estaban tombados ou agachados entre a vexetación da beira do río, pero o quinto puidemos contemplalo en toda a súa magnificencia. Vímolo saír do río, pasear polo areal e botarse a descansar un rato antes de que se adentrase cara o interior e o perdésemos de vista.



Ao igual que o día anterior, tratamos de identificar as distintas especies que iamos encontrando durante o traxecto. Dalgunhas, máis escasas, só atopamos un exemplar, mentres que outras aparecían seguido ante nós.











Para rematar a xornada, unha familia de lontras xigantes (Pteronura brasiliensis) estivo pescando e comendo as súas capturas a escasos metros da nosa barca. Aínda que non é unha especie difícil de ver nalgunhas zonas do Pantanal, estímase que quedan menos de 5000 exemplares no mundo e considérase globalmente en risco de extinción debido á perda e fragmentación do seu hábitat.



