20, 21, 22 E 23 DE AGOSTO DE 2025

Como xa contamos, o Pantanal ocupa un área inmensa e por tanto ten zonas ben diferenciadas. A pesar de que a cantidade e diversidade de fauna é espectacular en toda a rexión, hai especies moi abundantes en certos lugares, mentres que noutros é infrecuente atopalas.

O Pantanal Sur, en particular a estrada de terra que discorre á beira do río Aquidauana, ofrece as mellores oportunidades de ver unha especie que nos interesaba especialmente: o oso formigueiro xigante, coñecido en Brasil como tamanduá bandeira. Pasamos tres días na procura deste estraño animal que, aínda que se nos resistiu máis do que esperabamos, non nos defraudou cando por fin conseguimos observalo de cerca en campo aberto.

Tomamos como base o cámping Baía, un paraíso de fauna lonxe da órbita do turismo no que estivemos acompañados por só catro ou cinco pescadores locais. Levantabámonos cedo, pouco antes da saída do sol, para contemplar mentres almorzabamos o espertar da vida salvaxe co clarear do día. En poucos minutos, a tranquilidade da noite daba paso ao barullo incesante dos animais que comezaban a tomar os terreos do campamento.

Amencer no río Aquidauana

Mentres decenas de monos capuchinos ocupaban a praia fluvial que tiñamos diante da tenda e saltaban entre as barcas dos pescadores, os coatíes usmaban arredor de nós coa cola en alto en busca de algo comestible. Desde as pólas das árbores ou corricando polo chan, as ruidosas chachalacas parecían empeñadas en espertar á calquera que ousara seguir durmindo. Os muitús, moito máis silenciosos, paseaban tranquilamente en parella.

Caracara (Caracara plancus) e monos capuchinos de Azara (Sapajus cay)
Chachalaca (Ortalis canicollis)
Parella de muitús (Crax fasciolata)
Femia de muitú (Crax fasciolata)
Macho de muitú (Crax fasciolata)

Despois do almorzo, saíamos a camiñar polos campos de arredor coa esperanza de atopar un oso formigueiro. Non tivemos sorte ningún dos días, pero si vimos varias aves interesantes e un grupo de pecarís que pasaron correndo ante nós demasiado rápido como para sacarlles unha foto.

Cacique crestado (Psarocolius decumanus)
Carpinteiro listado (Dryocopus lineatus)
Forneiro de patas claras (Furnarius leucopus)

Cara o mediodía, cando a calor comezaba a apertar, volviamos ao campamento a comer e descansar un pouco. Os animais tamén descansaban a esa hora e o rebumbio era moito menor que á mañá, pero un día sorprendeunos un ruxido intenso e continuo que proviña do bosque. Escoitámolo un longo rato, entre abraiados e arrepiados, sen saber o que era ata que vimos un grupo de monos ouveadores nas árbores de arredor. Os machos desta especie emiten un ruxido moi potente para marcar territorio que se pode escoitar a quilómetros de distancia.

Mono ouveador (Alouatta caraya)

Polas tardes saiamos de novo en busca do oso formigueiro, a pé ou en coche pola estrada de terra. Aínda que puidemos ver dous exemplares desde o coche, perdéronse enseguida entre as árbores. Vimos grupos de capibaras nas marxes da estrada, e paxaros e caimáns nas pozas de auga, pero sen dúbida onde máis variedade e cantidade de fauna observamos durante estes días foi nos terreos do noso cámping.

Saracura-tres-potes (Aramides cajaneus)
Guacamaio azul e amarelo (Ara ararauna)
Guacamaio azul e amarelo (Ara ararauna)
Guacamaio azul e amarelo (Ara ararauna)
Mono capuchino de Azara (Sapajus cay)
Agutí de Azara (Dasyprocta azarae)
Agutí de Azara (Dasyprocta azarae)
Seriema de patas vermellas (Cariama cristata)
Seriema de patas vermellas (Cariama cristata)

O último día, despois do cotiá espectáculo do amencer e do paseo matutino, recollemos as nosas cousas algo decepcionados porque non conseguiramos unha boa observación do oso formigueiro. Pero aínda nos quedaban por percorrer uns 50 km antes de chegar a unha estrada asfaltada e, cando xa estabamos a punto de perder a esperanza, atopamos un exemplar en terreo despexado a poucos metros de distancia. Baixamos do coche e durante máis de media hora observamos como deambulaba dun lado para outro, enterrando o longo fociño na terra cada vez que atopaba un formigueiro.

Oso formigueiro xigante (Myrmecophaga tridactyla)
Oso formigueiro xigante co fociño cheo de formigas

É un animal grande, con patas fortes rematadas en garras que usa para escarvar na terra ou destruír termiteiros. Non ten dentes porque se alimenta exclusivamente de formigas e termitas que captura coa sua lingua pegañenta de 75 cm de lonxitude.

Oso formigueiro xigante (Myrmecophaga tridactyla)
Oso formigueiro xigante (Myrmecophaga tridactyla)
Oso formigueiro xigante (Myrmecophaga tridactyla)

Co obxectivo cumprido, conducimos un par de horas máis ata a o lugar onde, o seguinte día, faríamos a última visita desta viaxe. O Buraco das Araras é unha gran depresión de 160 metros de diámetro e 100 metros de profundidade, formada pola disolución dunha capa de rocha calcaria pola acción das augas subterráneas. Sobre esta capa calcaria aséntase outra capa de arenito vermello que acabou por derrubarse ao desaparecer a rocha que a sustentaba.

Este burato está hoxe cuberto de vexetación e nel habitan unhas 60 parellas de guacamaios (ou araras, en portugués) vermellos, ademais doutras aves como tucanos e ibis.

Guacamaios vermellos (Ara chloropterus)
Guacamaios vermellos (Ara chloropterus)
Guacamaios vermellos (Ara chloropterus)
Guacamaio vermello (Ara chloropterus)
Guacamaio vermello (Ara chloropterus)
Tucán toco (Ramphastos toco)
Tucán toco (Ramphastos toco)
Curicacas ou bandurrias comúns (Theristicus caudatus)

Só nos quedaba emprender a longa viaxe de regreso a casa, máis de 24 horas e case 10000 km de recorrido pasando por Campo Grande, Sao Paulo e Lisboa.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *