DO 26 AO 30 DE DECEMBRO DE 2025

A arte románica de Toro e Zamora, xunto coa riqueza ornitolóxica das lagoas de Villafáfila, foron os alicientes que nos animaron a dedicar uns días a coñecer esta comarca.

As dúas cidades comparten moitas características, desde o seu emprazamento estratéxico en penedos que se alzan sobre o río Douro, ata a súa importancia na Idade Media como enclaves principais do reino de León.

Zamora
Toro

Ambas foron repoboadas e fortificadas a finais do século IX e desempeñaron un papel decisivo na consolidación dos reinos cristiáns ao norte do Douro, fronteira natural que os separaba dos musulmáns de Al-Ándalus.

A construción de igrexas e mosteiros servía para afirmar o poder cristián e reis, bispos e nobres promoveron entre os séculos XI e XIII numerosas obras en estilo románico, o dominante nesa época.

Igrexa románica de Santa María Magdalena, en Zamora

En Toro predomina o románico mudéxar, en ladrillo e con decoración máis baseada nos elementos arquitectónicos, como as arquerías cegas, que nos detalles escultóricos.

Na igrexa-museo de San Sebastián dos Cabaleiros expóñense unha pinturas murais góticas da primeira metade do século XIV.

Pintura gótica coa adoración dos reis magos

A Colexiata de Santa María é unha excepción na arquitectura de ladrillo que abunda en Toro. Ademais de estar construída en pedra, sobresae pola escultura que adorna as súas portadas e os seu capiteis.

Colexiata de Toro
Portada norte da colexiata cos reis músicos na última arquivolta
Cimborrio da colexiata visto desde a rúa Maior de Toro

A coñecida como Portada da Maxestade da colexiata, iniciada en estilo románico pero rematada en estilo gótico no século XIII, pode contemplarse en todo o seu esplendor medieval, xa que conserva gran parte da policromía orixinal.

Portada da Maxestade
Coroación da Virxe no tímpano da portada
Resurrección dos mortos no Xuízo Final
Os castigos do inferno

Na cidade de Zamora consérvanse máis de 20 igrexas románicas, moitas delas sen apenas modificacións. A diferencia de Toro, aquí empregouse sempre a pedra como material de construción. As portadas das igrexas teñen unha decoración moi variada e orixinal.

Catedral de Zamora
Portada do Bispo da Catedral
Cimborrio da catedral de Zamora
Portada da igrexa de Santa María Magdalena
Igrexa de Santiago do Burgo
Igrexa de San Xoán de Porta Nova
Pinturas góticas na igrexa de Santa María a Nova
Capitel da igrexa de San Claudio de Olivares

O patrimonio zamorano non se limita só ao ámbito relixioso, senón que conserva abundantes mostras de arquitectura civil. O castelo e as murallas dos séculos XI e XII, varios palacios góticos e unha ponte de pedra sobre o Duero completan o conxunto medieval.

Palacio dos Momos

Zamora conta incluso cun abundante conxunto de edificios modernistas de principios do século XX, cando a cidade viviu un desenvolvemento económico que trouxo consigo un novo rexurdir urbanístico.

Edificios modernistas na Praza de Sagasta
Rúa Balborraz

Tamén na provincia de Zamora, as lagoas de Villafáfila emerxen como balsas de auga salobre na paisaxe esteparia e cerealista típica da Meseta. A extensión das lagoas depende en gran medida do réxime de chuvias, chegando a desecarse en verán.

A pesar da aparencia rigorosa da paisaxe e do clima, o lugar é un paraíso para moitas especies de aves. Na estepa habita unha das maiores poboación de avutarda do mundo. É un ave fácil de ver polo seu tamaño e porque soe andar en grupo, pero é moi asustadiza, o que non permite achegarse a ela.

Avutarda (Otis tarda)

As lagoas atraen a moitas especies acuáticas, especialmente en inverno, xa que son un importante punto de parada para miles de aves migratorias que veñen do norte de Europa. O ánsar común, antepasado salvaxe da oca doméstica, acostumaba congregarse aquí por decenas de miles nos meses de inverno ata hai poucos anos. Debido ao cambio climático, as poboacións de ánsares diminuíron drasticamente en Villafáfila, xa que agora poden invernar en países do centro e norte de Europa que antes eran demasiado fríos para eles. Según nos dixeron no Centro de Interpretación, este inverno só chegaron uns 500 ánsares.

Ánsares comúns (Anser anser)

Pasamos o día percorrendo o territorio da Reserva Natural, en busca de avutardas e parando nos observatorios construídos xunto as lagoas, nas que abundaban as anátidas e as avefrías. Dado o escaso número de ánsares deste inverno, non tivemos a sorte de presenciar as enormes bandadas voando en formación, un dos fenómenos máis espectaculares de Villafáfila en anos anteriores.

Pequena bandada de ánsares
Avefría (Vanellus vanellus)

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *